Friday 03 de May de 2024

A Xunta distribúe 19,4M€ con cargo ao recadro social do IRPF para apoiar 600 programas de atención ás persoas que máis o necesitan


— O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución destas axudas destinadas a entidades sociais de toda Galicia

— Accem recibirá na orde do ano 2021 máis de 300.000 euros, un 6% máis que o ano pasado, para seguir axudando ás persoas en risco de exclusión

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da orde de axudas con cargo ao recadro social do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF) do ano 2021, que distribúe 19,4 millóns de euros para que entidades sociais de toda Galicia poñan en marcha preto de 600 programas de atención ás persoas que máis o necesitan. A conselleira de Política Social, Fabiola García, visitou esta mañá o centro de atención na rúa que Accem, unha das beneficiarias destas axudas, ten na cidade da Coruña.

A conselleira sinalou que durante os últimos anos a Xunta batallou para que o Goberno central fixese unha distribución destes fondos máis xusta para Galicia. Deste xeito, foi posible que a contía se duplicara nos últimos catro anos ata acadar os 19,4 millóns da orde do 2021. Accem recibirá 300.000 euros, un 6% máis que o ano pasado, para seguir axudando ás persoas en risco de exclusión a través de iniciativas como este centro de atención a persoas en situación de rúa ou como o centro de acollida de mulleres vítimas de violencia machista.

Fabiola García apuntou que o 0,7% do IRPF supón unha ferramenta fundamental para que as entidades sociais poidan actuar naqueles casos de inxustiza social en distintos ámbitos como a protección de menores, o acompañamento de persoas maiores, o desenvolvemento das persoas con discapacidade ou a posta en marcha de programas de voluntariado para a xente moza.